lunes, 17 de agosto de 2020

A poesía move obxectos na distancia

 Autora: Olga Novo

Título: Feliz-Idade

Editorial: Tambo

Data: 2019

Recomendación afortunada dunha compañeira do instituto, boa coñecedora da lírica galega actual, este libro descóbreme a una autora do 75 (polo tanto, nun momento de madurez, aínda que sex amáis nova que outras poetas que teño lido).  Neste caso, a idade é un dato pertinente, xa que o mundo evocado en todo o libro e protagonista central nunha das súas sección pódese dicir que xa non existe.  Mentras lía, tiña sensacións distintas: por una parte, total identificación coa voz lírica que describe ese mundo rural galego de vacas, mallas de trigo, recolleita do millo, etc.  Podo dicir que ese mundo, xa desaparecido é tal como se evoca neste poemario, porque eu tamén o vivín.  Tamén vivín esa especie de desclasamento xeracional: ao igual que a autora, eu saír estudar e o meu mundo está feito de libros, algo que cáseque había na aldea.  O que me sorprende é que Novo, por idade, pouco pode lembrar diso.  En calquera caso, quedo con esa perfecta evocación e coa miña plena identificación.

   Xa sabemos que se nos fala do mundo campesino, pero de que xeito?  Pois positivo: o retrato do pai é, certo, o dunha persoa analfabeta, pero con toda a sabiduría da experiencia e a forza telúrica de quen vive en ósmose cunha natureza nada idílica.  Pese á dureza dunha vida así, hai una coherencia ou armonía, de onde sae o título do libro: Feliz-Idade, é dicir, fálase dunha idade ou época feliz e da felicidade de quen a vive.

   Hai outra sección do libro que tamén me conmoveu: a III, dedicada por enteiro á filla recén nada.  Lembroume ao libro de Gioconda Belli Sobre la grama pola peculiar mistura de sensibilidade e carnalidade.

   No plano formal a proposta é tamén interesante: poemas moi longos, en xeral, escritos en versículos e con pouca puntuación levan a una poesía torrencial, con escasos momentos de contención, algo que se debe a Whitman e despois a Eliot e a boa parte da poesía contemporánea.  Dentro dese esquema métrico, Olga Novo insire dous elementos destacables: un é ocasional, e son as referencias cultas ou libresacas, pero tamén cinematográficas, musicais, una certa cultura pop que contrasta co mundo ancestral da aldea.  O outro elemento é estrutural, e trátase do uso poético da linguaxe científica: poderíamos facer un diccionario de termos biolóxicos e científicos en xeral, deliberadamente fusionados con sensacións e unha sensibilidade que no noso mundo, de orixe cristiá ao fin e ao cabo, se adoita vencellar coa alma, concepto que a poeta nega, igual que pon distancia con outros relatos bíblicos, como o da anunciación.  Neste senso hai que suliñar que a autora se preocupa por amosar o carácter neuronal e fisiolóxico de toda sensación ou sentimento, algo que temos lido en textos científicos, pero que é raro atopar nun poemario.

   Aquí vai una selección de textos, prescindindo dos máis longos, que son ás veces tamén os mellores, aínda que dous deles están extractados.  Por iso hai que achegarse ao libro e lelo íntegro.